“Explorar a utilidade das tecnoloxías cartográficas na xestión integrada da protección do patrimonio arqueolóxico e na prevención de incendios forestais”. Este era, como sinala a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Julia Armesto, o principal obxectivo do proxecto de investigación Paleointerfaz, seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Centrado en coñecer se a protección de elementos patrimoniais como os petróglifos podería contribuír a diminuír os efectos dos incendios forestais, investigadoras e investigadores desta escola traballaron ao longo dos últimos tres anos no desenvolvemento dunha metodoloxía que permite identificar enclaves arqueolóxicos que á súa vez poderían conformar “áreas de xestión para a prevención” dos lumes. O proxecto abrangueu a caracterización da vexetación destes puntos, para logo coñecer, a través de simulacións, que efectos tería unha actuación sobre esta á hora de reducir a intensidade dos lumes. Esta metodoloxía púxose en práctica na comarca do Baixo Miño, na que identificáronse 39 “agrupacións con potencial estratéxico” para cumprir esa dobre función de preservación do patrimonio e prevención de incendios.
Como explica Armesto, investigadora principal do proxecto, Paleointerfaz tiña como reto a busca de sinerxías entre “dous universos entre os que percibimos unha intersección”, a preservación de bens patrimoniais, que en Galicia poden atoparse en boa medida rodeados de vexetación, e os labores de prevención dos lumes. Co obxectivo de identificar “limitacións e sinerxías” nunha cuestión “que involucra múltiples axentes institucionais e sociais”, levouse a cabo unha enquisa, na que participaron 227 profesionais da xestión do patrimonio, a prevención e extinción de lumes e a xestión forestal, cuxos resultados foron presentados recentemente nunha xornada virtual. Estes permitiron constatar “consensos significativos” entre os sectores consultados en aspectos como que a seguridade dos visitantes aos xacementos pode verse afectada polos incendios e a necesidade de establecer medidas “como plans de prevención e de evacuación”, ou a identificación do pastoreo como “unha medida de control preventivo da vexetación”. Ao mesmo tempo, detectáronse tamén, como apunta Armesto, “oportunidades de mellora na cooperación” entre os diferentes axentes, ao existir “disparidade de criterios” respecto de cuestións como que medidas adoptar para a xestión de vexetación e a protección da contorna.