Este xoves e venres, o Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural celebrou na Facultade de Historia do campus de Ourense a súa xuntanza anual. Nela, o seu alumnado tivo a oportunidade de presentar de xeito presencial ou virtual as liñas de investigación que están a desenvolver e dialogar sobre elas. Os seus traballos abranguen unha ampla diversidade de temáticas, desde a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial en Guano (Ecuador) ata a intelixencia artificial xerativa de imaxe na reconstrución patrimonial.
Estas III Xornadas de Investigación en Patrimonio constitúen “un espazo de encontro e intercambio científico” no que nesta terceira edición participaron dez doutorandas e doutorandos. Elas e eles presentaron comunicacións sobre patrimonio material e inmaterial, memoria e identidade, paisaxe cultural, conservación, arqueoastronomía, patrimonio dixital e aplicacións da intelixencia artificial ao estudo do patrimonio, entre outras cuestións. As súas intervencións agrupáronse en tres bloques.