Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

O pasado 30 de maio de 2025, no marco dunha estadía académica na Facultade de Arquitectura da Universidad Autónoma del Estado de Morelos (UAEM), tivo lugar a sinatura dunha Declaración de Intencións para a colaboración entre corpos académicos, coa participación da Universidade de Vigo.

Esta declaración constitúe un paso significativo cara á transferencia de coñecementos en arquitectura, arqueoloxía, turismo e patrimonio cultural, e abre novas vías de cooperación entre a UVigo e a UAEM, especialmente a través do Cuerpo Académico “Gestión del Patrimonio Turístico y Cultural”.

A representación da UVigo contou coa participación dunha investigadora do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio (UVigo, UDC, USC), quen expresou o seu máis sinceiro agradecemento á Dra. Norma Angélica Juárez Salomo, pola súa xenerosa acollida e compromiso, así como ao equipo que acompañou este encontro: Mariana Sylveira Rosales, Miguel Ángel Cuevas Olascoaga, Gerardo Gama Hernández, Concepción Alvarado Rosas e Ernesto Ríos Lanz.

A iniciativa conxunta nace co espírito de:Promover proxectos COIL (Collaborative Online International Learning) coa Facultade de Historia do campus de Ourense, Desenvolver clases espello arredor do patrimonio, a paisaxe e o territorio, Traballar en publicacións compartidas, Organizar encontros académicos e actividades de intercambio e Explorar programas como ERASMUS e fortalecer as redes internacionais.

Desde a Universidade de Vigo, e en nome do Programa de Doutoramento e do Grupo de Innovación Docente en EducAcción Patrimonial (UVigo), queremos agradecer profundamente esta oportunidade de diálogo, aprendizaxe e cooperación internacional.

O noso recoñecemento tamén á Facultad de Arquitectura da UAEM, ao seu Programa de Doutoramento en Arquitectura e Urbanismo, e a todas as persoas que fixeron posible esta enriquecedora experiencia.

Seguimos construíndo pontes a través do patrimonio compartido.

 

#UVigo #UAEM
#Galicia #México
#ColaboraciónAcadémica #PatrimonioCultural #COIL #IntercambioInternacional
#Erasmus #Arqueoloxía #Arquitectura #Turismo #EducaciónPatrimonial